As oficinas de turismo de Ribadeo atenderon a máis de 17.000 persoas durante o mes de agosto. Delas, algo máis de 4.500 foron na oficina do centro e o resto no punto de información da praia de As Catedrais, que rexistrou case tres veces máis visitas, confirmando o seu papel como principal reclamo turístico do municipio.
A Comunidade de Madrid mantense como o principal emisor de visitantes, seguida por Cataluña e Euskadi na oficina central, mentres que en As Catedrais, Cataluña e Andalucía ocupan o segundo posto.
O peso do turismo internacional é un dos trazos máis relevantes da tempada, supoñendo preto do 16% na oficina do centro e máis do 30% no punto de información da praia, superando o 40% do total. Esta diferenza subliña o papel de As Catedrais como porta internacional de entrada ao municipio.
Xunto co Camiño de Santiago Norte, que se consolida desde a primavera, e o porto deportivo, Ribadeo afiánzase como un destino internacional.
Un dato salientable da tempada estival é a porcentaxe de visitantes que pernoitan en Ribadeo, que acada máis dun 34% do total. Este indicador reflicte a capacidade do municipio para reter turistas máis dun día, xerando un maior impacto económico no comercio, hostalería e aloxamento local.
O Concello reforzou a aposta polo turismo de calidade coa organización de percorridos guiados polo patrimonio cultural, nos que participaron preto de 600 persoas, confirmando a boa acollida destas propostas.
Agosto foi o mes de maior intensidade turística, co punto de información da praia das Catedrais destacando fronte á oficina do centro e unha porcentaxe de turismo internacional en progresión. A elevada porcentaxe de pernoitas, cunha ocupación hoteleira do 90% ao 95%, e as visitas guiadas apuntan a un modelo turístico que xera un impacto económico e social positivo.
Agradeceuse o traballo do persoal das oficinas de turismo e das praias, así como a implicación do sector privado, para consolidar Ribadeo como un destino turístico de vangarda.




