A sede do xornal El Progreso en Lugo foi o escenario este luns para a entrega de galardóns do certame O Peixe É Saúde. A iniciativa, promovida pola Consellería do Mar e o propio diario, contou coa participación de preto dun centenar de nenos e nenas de 3º a 6º de primaria de toda a provincia lucense. Os traballos premiados destacaron a relevancia da inxesta de peixe para manter unha boa saúde.
Durante o acto, a presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, agradeceu a alta participación e animou os máis pequenos a "comer saudable". Subliñou que "o peixe é bo para todo, porque achega fósforo, proteína e dá forza para o corpo e para o cerebro".
Pola súa banda, a conselleira Marta Villaverde resaltou o valor de iniciativas coma esta para promover o consumo de produtos do mar. Engadiu que a convocatoria serviu "non só para ensinarvos cousas aos nenos, senón que vós tamén nos ensinades a nós", recoñecendo o nivel dos participantes e avanzando outros proxectos do seu departamento, como o Movemento Azul.
O primeiro premio foi para Nico Díaz Posada, alumno do colexio Sagrado Corazón de Xesús de Ribadeo. O seu deseño representou as labores do mar e do campo, a importancia da inxesta dos seus produtos xunto co deporte para unha boa saúde física e mental, e incluíu unha mensaxe sobre reciclaxe. Nico recibiu unha tablet como agasallo.
O segundo posto foi para Nadia Fouz Díaz, estudante do Ceip Plurilingüe Concepción López Rey en Baleira. A súa ilustración amosaba un cerebro que mellora o seu "pensar" grazas a unha dieta equilibrada con vexetais, froita e produtos do mar. Nadia obtivo unha cámara de fotos instantánea.
Finalmente, Hugo Arias Tallón, do Ceip Plurilingüe de O Corgo, alzouse co terceiro premio, un altofalante. A súa obra representaba un peixe e os beneficios do seu consumo para o corazón, a forza, a concentración, a enerxía e as defensas. Os seus pais destacaron que o peixe é un alimento habitual na súa dieta, especialmente o salmón e a pescada.




