A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia colabora co Concello de Trabada na renovación da cuberta do pavillón polideportivo municipal. A achega autonómica ascende a 36.000 euros, segundo informou o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares.
A actuación céntrase na reparación dos danos ocasionados por un incendio ocorrido hai meses no interior do recinto. O pavillón é un espazo deportivo moi demandado, utilizado polo alumnado do CEIP Celso Currás durante o horario escolar e pola veciñanza o resto do día.
Durante a súa visita, Alfonso Villares tamén comprobou as obras de substitución da caldeira no CEIP Celso Currás. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP investiu 17.500 euros na instalación dunha nova caldeira, substituíndo a anterior de gasóleo por unha máis moderna.
Ademais, o Goberno galego aprobou outras achegas para o concello: 26.600 euros para mellorar a rede de alumeado público nos núcleos da Igrexa, O Outeiro e A Pereira; e 16.500 euros para a adquisición dunha desbrozadora e trituradora semilateral. Estas actuacións enmárcanse no Fondo de Compensación Ambiental.




