A administración local explicou que a execución responde a un mandato xudicial que se remonta ao ano 2012, ratificado posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Segundo o executivo, non existe ningunha resolución que permita deter o proceso mediante a aprobación do PXOM, polo que o Concello está obrigado a cumprir coa demolición nun prazo de cinco meses.
O goberno local sinalou que a tramitación administrativa para a demolición xa se atopa en fase de licitación. Paralelamente, o Concello está a xestionar o acceso aos inmobles para levar a cabo a execución subsidiaria, recorrendo aos xulgados se fose necesario para garantir a entrada nas propiedades.
Respecto ás reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas polos propietarios, o Concello indicou que serán estudadas en función das circunstancias específicas de cada caso. O conflito, que ten a súa orixe nun requirimento de 2006 por parte da Dirección Xeral de Urbanismo, mantívose nos tribunais durante os últimos catorce anos sen que se producisen cambios na obriga de executar o derrubo.




