O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, mantiveron unha reunión institucional para abordar diferentes proxectos e investimentos da Xunta de Galicia que son de interese para o concello lucense.
Entre as actuacións destacadas atópase a rehabilitación integral do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Miguel de Reinante. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a investir preto de 373.500 euros nesta obra, que se atopa actualmente en execución.
Tamén se resaltou o impulso ao emprego local a través do obradoiro dual ‘Constrúe en Verde II’, unha iniciativa promovida polo concello de Ribadeo en asociación con Barreiros. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigracións financia este proxecto cun investimento de 486.000 euros.
Este obradoiro, que comezou en xuño, ofrece formación teórica e práctica a unha vintena de persoas desempregadas en áreas como a construción, a xestión de residuos e a limpeza de espazos abertos, instalacións industriais, edificios e locais.
Ademais, subliñouse o apoio da Xunta para a mellora de infraestruturas e servizos en Barreiros. A Consellería do Medio Rural concedeu unha achega de 72.000 euros, dentro da convocatoria de axudas a concellos para impulsar servizos básicos municipais.
Villares sinalou que o Goberno galego continuará reforzando a cooperación coas entidades locais da provincia de Lugo para traballar conxuntamente en beneficio da cidadanía.




