A celebración, coñecida pola súa tradición culinaria, trasladarase á explanada situada fronte ao parque da Rúa San Roque. Esta decisión responde á necesidade de ampliar o espazo dispoñible, debido ao continuo crecemento da afluencia de público en edicións anteriores.
No ámbito gastronómico, a festa manterá o seu compromiso coa inclusión, ofrecendo novamente opcións sen glute para os asistentes. As recoñecidas filloeiras de Muimenta estarán presentes, elaborando as súas tradicionais filloas. Como novidade destacada, a asociación cultural Ledicia de Burela, organizadora da Feira do Bonito, participará ofrecendo un preparado con bonito de Burela que complementará a enfariñada. Tamén se poderán degustar racións de xamón cocido e chourizo.
Máis de 40 voluntarios e voluntarias colaborarán na elaboración da enfariñada no lugar do evento, preservando así a receita tradicional que cada ano congrega a centos de persoas. O programa da festa complétase cun mercado de produtos artesanais e de proximidade, ademais dunha variada oferta musical que incluirá as actuacións de Mestura de Nete, o grupo Lume e a orquestra Marbella.
“"A Festa da Enfariñada é un claro exemplo do que conseguimos cando traballamos xuntos como concello: unha celebración que nace da tradición, que medra ano tras ano e que une á veciñanza arredor da nosa gastronomía e cultura."
O alcalde, Rubén García, durante a presentación do evento, convidou a todos a participar “nunha xornada pensada para gozar, e seguir poñendo en valor o noso”.




