O IES Dionisio Gamallo de Ribadeo acolle esta semana a 31ª edición da Feira da Ciencia, un evento que, baixo o lema “Un faro de ciencia”, congrega a catro centros educativos da localidade. Segundo explicou a directora, María Ron, a feira busca “sumar esforzos” entre o propio instituto e os colexios Gregorio Sanz, Sagrado Corazón e o Centro de Formación Profesional Porta da Auga co obxectivo de crear un espazo de divulgación e aprendizaxe.
A inauguración oficial terá lugar o mércores 10 de xuño ás 12:00 horas, coa recepción de autoridades e unha homenaxe ao profesor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático e recente gañador da Medalla da Cultura Galega. O xoves 11 de xuño, a clausura correrá a cargo da neurocientífica Sonia Villapol, do Texas Medical Center de Houston, quen impartirá a conferencia “Un cerebro activado, un cerebro de preguntas”. María Ron destacou o “orgullo” de contar con estas “dúas grandes figuras da ciencia e a cultura galega”.
A profesora de Bioloxía e coordinadora da feira, Susi Besteiro, detallou a variedade de traballos que se expoñerán. O alumnado do IES Dionisio Gamallo presentará proxectos sobre a praga do picudo vermello, iniciativas contra o consumo de bebidas enerxéticas e váperes co proxecto “Pulmón de palomitas”, ademais de investigacións sobre cereais, a inmunoterapia con células CAR-T e estudos sobre plásticos. O CPR Sagrado Corazón achega proxectos como “Papel plantable”, “Misión ADN” e un labirinto hidráulico, mentres que o CEIP Gregorio Sanz céntrase na innovación e a atención á diversidade.
Esta edición tamén destaca pola inclusión de traballos da unidade de Educación Especial, como “Cada semente conta”, e os proxectos en proceso dos estudantes de STEMbach e da radio do instituto, consolidando a feira como un evento multidisciplinar. Susi Besteiro expresou o seu orgullo pola cantidade e variedade dos traballos, subliñando que o máis importante é que “o alumnado de Ribadeo siga sendo protagonista”.




