Baixo o lema “Unha foto de xeracións: nais, avoas e fill@s, o mesmo amor en distintas etapas da vida”, a campaña busca celebrar esta data tan sinalada premiando a fidelidade dos clientes. O sábado 2 de maio, a Sala Multiusos do Concello acollerá un estudio fotográfico onde se realizarán sesións a nais cos seus fillos, e mesmo a tres xeracións xuntas: avoas, fillas e netos.
Os participantes poderán seleccionar e encargar a súa foto favorita de forma totalmente gratuíta nos días posteriores á sesión. O único requisito para participar é presentar vales de compra por un valor mínimo de 20 euros, procedentes de calquera dos negocios asociados ao CCHV. O horario do estudio fotográfico será de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas.
Buscamos a imaxe das mamás de antano e de hoxe, dende as máis tradicionais ás mais modernas e actuais. Distintas xeracións que amosen á cámara a complicidade de nais e fill@s.
Ademais das sesións fotográficas, a campaña inclúe un concurso para atopar a mellor imaxe que capture a esencia do Día da Nai. Un xurado valorará todas as fotografías e a gañadora recibirá 300 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ao CCHV. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, busca dinamizar o comercio local e consolidar a Viveiro como un referente de compras na comarca.




