Tras unha comisión de voceiros celebrada hoxe na Sala de Xuntas, o Goberno municipal de Viveiro informou sobre o estado do expediente do PXOM. A Administración local xa solicitou a ampliación, ratificación, valoración e notificación ás administracións e empresas pertinentes, seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.
Os servizos técnicos municipais, xunto co equipo redactor do Plan, OTEA, revisaron a documentación e analizaron as observacións da Xunta de Galicia co obxectivo de atender os requirimentos e proseguir co proceso.
Durante a reunión tamén se avaliou o estado dos informes sectoriais obrigatorios, incluíndo o de Costas do Estado. O Concello subliñou a necesidade do pronunciamento da Dirección General de la Costa y el Mar, conforme ao artigo 117 da Lei de Costas, para asegurar a seguridade xurídica da ordenación urbanística na zona litoral.
O Goberno municipal destacou o labor dos servizos técnicos e do equipo redactor, así como a colaboración institucional coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e outras administracións implicadas.
Desde o Concello de Viveiro reitérase o compromiso co rigor técnico, a axilidade administrativa e a coordinación interadministrativa para cumprir coas indicacións do requirimento e axilizar os prazos de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.




