A campaña, titulada Unha foto de xeracións: nais, avoas e fill@s, o mesmo amor en distintas etapas da vida, comeza este xoves e ten como obxectivo principal dinamizar o comercio local e agradecer a fidelidade dos clientes. Un estudo fotográfico temporal instalarase na sala multiusos do concello o sábado 2 de maio.
Neste espazo, as familias poderán realizar sesións de fotos con nais, fillos, avoas e netos. O único requisito para participar é presentar tiques de compra por un valor mínimo de 20 euros, realizados nos establecementos asociados. O estudo estará aberto en horario de mañá, de once a dúas, e de tarde, de catro e media a oito e media.
Unha vez realizadas as fotografías, as participantes poderán escoller a súa favorita para levala de balde. Ademais, todas as imaxes serán avaliadas por un xurado, e a gañadora recibirá 300 euros en vales de compra para gastar nos negocios do Centro Comercial Histórico de Viveiro.
“"O obxectivo é atopar a mellor imaxe que capte a esencia do Día da Nai. Buscamos a imaxe das mamás de antano e de hoxe, dende as máis tradicionais ás mais modernas e actuais. Distintas xeracións que amosen á cámara a complicidade de nais e fillas."
A asociación anima a todas as familias a participar nesta iniciativa para levar un bonito recordo do Día da Nai. As bases completas da campaña pódense consultar na páxina web da entidade, na aplicación móbil Viveiro CCH, ou nos seus perfís de redes sociais.
Con este tipo de accións, o Centro Histórico de Viveiro busca fortalecer o sector comercial da zona e consolidar a localidade como un referente de compras na comarca, contando coa colaboración da Xunta de Galicia nos programas de dinamización de centros comerciais abertos.




