O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas para o mantemento e creación de novas unidades de atención temperá. Trátase dun servizo público gratuíto dirixido a nenas e nenos de ata seis anos, fundamental para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento. A Consellería de Política Social destina máis de 17 millóns de euros entre o que resta de 2026 e as anualidades de 2027 e 2028 a estas achegas, coas que se consolida e se segue a estender a Rede galega de atención temperá.
A través desta convocatoria finánciase a posta en marcha de cinco novos recursos solicitados polos concellos de Ribadeo, Brión e Lugo; así como pola agrupación de concellos formada por Viveiro, O Vicedo e Ourol, e pola constituída polos municipios de Celanova, Ramirás e Verea. Ademais, renóvanse as axudas para dar continuidade ás unidades de atención temperá xa existentes.
Na actualidade, Galicia conta con máis de 50 recursos deste tipo, que dan cobertura a arredor de 200 concellos e atenden a máis de 6.000 menores. Esta liña de axudas está cofinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.




