O obxectivo deste proxecto é definir tecnicamente a construción dunha nova vía que atravesará a ría e o núcleo urbano de Viveiro, ademais de enlazar a vía de alta capacidade (VAC) Costa Norte coas estradas autonómicas LU-540 e LU-862.
A nova variante terá unha lonxitude de 6,2 quilómetros, conectando a glorieta da LU-540 no inicio da travesía de Viveiro co corredor Celeiro–San Cibrao. O orzamento estimado para esta actuación, financiada integramente pola Xunta, roldará os 40 millóns de euros, incluíndo as expropiacións necesarias.
O trazado seleccionado arranca na Veiga, diríxese cara ao leste e logo ao norte, case en paralelo á actual LU-540. Incluirá un viaduto de 130 metros sobre o río Fontecova e conectará con Viveiro cunha glorieta. Posteriormente, descenderá ata o semienlace de Viveiro este e ascenderá para salvar Celeiro cun viaduto de 503 metros antes de conectar co corredor CG-2.3.
O Goberno galego subliña que este avance cumpre co acordado o pasado 27 de abril, cando se expuxo ao público o estudo informativo e de impacto ambiental. A intención é adxudicar e iniciar a redacción do proxecto construtivo no último trimestre do ano para, unha vez aprobado, licitar as obras tras a tramitación das expropiacións.




