Este domingo, o Pazo de San Isidro en Mondoñedo acolle unha xornada dedicada aos oficios artesáns, que inclúe obradoiros abertos ao público e visitas guiadas ao histórico inmoble. A iniciativa, que está a espertar un considerable interese, enmárcase nos Días Europeos da Artesanía e é organizada pola Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns dos Muíños en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia e o Concello mindoniense.
A propietaria do pazo, Simonetta Dondi de L'Orologgio, foi a encargada de guiar aos asistentes na súa chegada, ofrecendo unha visita polo pazo e explicando a historia e os espazos máis relevantes deste ben patrimonial, elixido pola súa importancia histórica na cidade episcopal. A xornada ofrece obradoiros gratuítos de diversos oficios, dispoñibles tanto en horario de mañá como de tarde, nos que o público pode participar activamente.
O programa de actividades inclúe propostas variadas como o traballo co torno de oleiro e a decoración cerámica, a cargo de Esquina Atlántica; a confección en pel con María Jul; serigrafía polo estudo Estampa; kintsugi con Artesanía do Pasatempo; a reutilización de tecidos por Péndulo Artesanía; carpintería a cargo de Madeiraman; ou a construción de monicreques con Micromina Teatro. Xa o sábado tivo lugar un obradoiro sobre confección téxtil tradicional con la, que abordou o cardado e a fabricación do fío, impartido por Miratú.
Esta cita xa se consolidou en Mondoñedo, xa que os obradoiros do barrio dos Muíños súmanse por quinto ano consecutivo a esta iniciativa. Nos dous últimos anos, a actividade centrouse no ámbito educativo, con obradoiros en vivo en centros educativos da localidade e de O Valadouro, co obxectivo de achegar os oficios artesáns ás novas xeracións.




