A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia financia con 20.000 euros a nova campaña de investigación iniciada esta semana no castro de Zoñán, situado en Mondoñedo. Esta actuación, froito dun convenio co Concello de Mondoñedo, busca ampliar a superficie escavada e afondar no coñecemento deste importante xacemento arqueolóxico.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, desprazouse ata o xacemento para supervisar o desenvolvemento dos traballos. Estes inclúen a escavación duns 40 m2 de superficie na contorna da área xa descuberta, labores de protección nas construcións recuperadas, así como roza, limpeza, topografía e planimetría. Tamén se realizará un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos recuperados.
Os traballos de campo, que comezaron este luns, teñen unha duración prevista de 20 días. Esta iniciativa forma parte das intervencións que promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o ano 2026, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico galego. Na provincia de Lugo, contemplaranse un total de 11 proxectos cun orzamento de partida de 203.400 euros.
O castro de Zoñán é un poboado fortificado da Idade do Ferro situado nun esporón que domina o val do Río Cesuras, na parroquia da Nosa Señora dos Remedios. Cunha superficie total duns 7,8 hectáreas, foi un dos primeiros en ser escavados en Galicia no ano 1867. Actualmente, xa se atoparon estruturas habitacionais que ocupan unha extensión aproximada de 900 metros cadrados.
Este xacemento forma parte dos roteiros culturais do Concello de Mondoñedo e a súa visita é libre e gratuíta, complementada con diversos paneis explicativos que achegan información aos visitantes.




