A creación audiovisual propón un percorrido pola ruta xacobea para recuperar, documentar e transmitir a tradición oral, a música e o baile popular galegos. Para iso, combina investigación etnográfica, participación das comunidades locais e creación artística contemporánea. Os concellos de Ribadeo, Lourenzá, Begonte, Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela son os escenarios dos diferentes capítulos.
Ao longo do itinerario recóllense tradicións e expresións culturais locais, que serven de inspiración para crear unha peza coreográfica propia. Deste xeito, o Camiño do Norte actúa como fío condutor para preservar e divulgar a cultura tradicional da comunidade. Tamén se pon en valor a música e o baile tradicionais de Galicia, recoñecidos en 2025 como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial.
“"Nun formato que permitirá chegar a un público amplo e diverso"
Villares subliñou o interese desta proposta para preservar e transmitir a cultura tradicional galega e promocionar o Camiño do Norte a través das canles de difusión dixitais. Este traballo dá continuidade á webserie ‘A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno’, promovida no ano 2021 tamén ao abeiro do programa de axudas O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta.




