A localidade de Mondoñedo prepárase para acoller a edición número corenta e sete da Rapa das Bestas de Campo do Oso, que se celebrará o vindeiro domingo. A organización corre a cargo da asociación cultural Rapa das Bestas Campo do Oso, co apoio do Concello, a Vicepresidencia da Deputación e a Xunta de Galicia.
Alba Recalde, presidenta da asociación e que afronta o seu segundo ano á fronte da organización, destaca a importancia deste evento para o colectivo. "Para nós a rapa é parte da nosa vida", afirma, subliñando que todos os membros están vinculados ao gando e senten a satisfacción de continuar co legado dos seus antepasados. "Dános gusto ver como os nosos antepasados a facían e que 47 anos despois poidamos facela nosoutros mesmos".
Nesta edición presentaranse novidades no espazo onde se realiza o evento. Tras estrear o curro o ano pasado, este ano presentará retoques como unha nova bancada, recursos exteriores e unha adaptación en forma de embude para facilitar a entrada dos animais. O espectáculo comezará arredor das doce do mediodía, despois de que os xinetes reúnan o gando dende as dez da mañá.
A preparación da Rapa das Bestas é un traballo continuo que comeza tras finalizar a edición anterior. Recalde sinala as "trabas impostas polas institucións" como unha das principais dificultades, xa que a solicitude de permisos pode complicar o labor organizativo.
A programación mantense sen grandes novidades respecto a anos anteriores, aínda que haberá "algún sorteo sorpresa". Destaca a presenza dunha foodtruck que ofrecerá hamburguesas e outras receitas elaboradas con carne de poldro, en colaboración coa Asociación de Criadores de Pura Raza Galega e a Deputación de Lugo. Ademais, a organización advertirá aos xinetes sobre a responsabilidade polos danos que poidan ocasionar eles ou as súas monturas, buscando concienciar sobre o perigo e a importancia de actuar con coidado, a pesar de contar con seguro.
Alba Recalde, con seis ou sete anos de experiencia participando no evento, lidera a organización xunto a outros tres mozos de entre 20 e 30 anos. A presidenta recoñece que o grupo reducido busca evitar "malos entendidos nin malos rollos". Estímase que o evento se prolongará ata as nove da noite, incluíndo pola tarde unha comida popular seguida dun baile amenizado por D'Caché Music e Puzzle.




