Pais e nais de alumnos deste colexio saíron de novo á rúa para esixir melloras urxentes nas instalacións. As condicións actuais, marcadas por "humidades, baños deteriorados, problemas de accesibilidade e instalacións que xa non están á altura", son motivo de preocupación constante para as familias.
Os afectados subliñan que non piden "lujos", senón "seguridade, igualdade e respecto pola educación pública". Lamentan que, ano tras ano, os problemas persisten e a "paciencia tamén se esgota" cando non se ven solucións efectivas.
Detrás destas concentracións hai moito máis que pancartas, hai familias cansadas de esperar, hai profesionais que fan un esforzo enorme cada día para ofrecer a mellor educación posible, malia as condicións do centro, hai nenos e nenas que merecen sentir que a súa escola tamén importa.
A comunidade educativa dirixiuse directamente ao conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, expresando o seu cansazo ante a espera e a sensación de que "hai escolas que importan menos ca outras". "Nós negámonos a aceptar iso, porque os nosos fillos merecen unha escola en condicións dignas", conclúen.




