A galardoada, que pasou a súa infancia en Calvos de Randín e posteriormente residiu en Suíza e Manchester, decidiu retornar ás súas raíces para emprender no rural. Xunto á súa parella, fundou a empresa Crismel, dedicada á produción de patacas, cebolas e forraxe, consolidando así un proxecto agrícola na zona.
“"Para min foi toda unha sorpresa e unha grande satisfacción. Eu comecei da nada, dun mundo totalmente diferente, pero a base de traballo, esforzo e de cada día ir superando retos, conseguino. É unha forma de que recoñezan toda esa implicación e algo que te motiva a seguir."
O premio, entregado no marco da segunda edición dos Premios Semente na Casa da Brea, en Piñeira Seca, representa un recoñecemento ao esforzo e á perseveranza. A emprendedora subliña a importancia de visibilizar o papel das mulleres no sector primario, un eido tradicionalmente dominado por homes, e anima a outras a seguir os seus pasos con determinación.
A pesar dos desafíos, como a burocracia excesiva e a incerteza dos prezos no mercado, a galardoada destaca a liberdade e o contacto coa natureza como aspectos máis gratificantes do seu traballo. Tamén fai un chamamento á axilización dos trámites e á equiparación das esixencias para os produtos locais fronte aos importados, co fin de garantir un futuro máis xusto e competitivo para o rural galego.
“"Se realmente queremos un futuro real do rural e da agricultura e gandería é preciso axilizar os trámites. Para nada digo pasar por alto as medidas necesarias para un correcto funcionamento, pero si facilitar as cousas e deixar as trabas para outros pleitos."
A empresa Crismel, con cinco anos de traxectoria e unha explotación de arredor de 80 hectáreas en Morgade, Xinzo, ten como obxectivo futuro medrar e poder envasar as súas propias patacas, eliminando así a necesidade de intermediarios e consolidando a súa presenza no mercado.