O alumnado do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia celebrou o Día Mundial sen Tabaco cunha serie de iniciativas para concienciar sobre os perigos do tabaquismo. Preto de cen estudantes de primeiro da ESO participaron activamente neste evento, enmarcado no programa autonómico “Aulas sen fumes”.
As propostas foron diversas e creativas. Un grupo de alumnos creou unha peza audiovisual na que se reflicten as presións sociais, o medo ao rexeitamento, as dificultades para adquirir tabaco e o impacto negativo na saúde física e mental. Tamén se puxo o foco na crecente popularidade dos cigarros electrónicos entre os mozos.
Outra clase optou por unha actuación musical de rap, na que unha ducia de estudantes interpretaron cancións contra o tabaco e o fume. A xornada completouse coa lectura dun manifesto que, lonxe de ser un discurso convencional, expresou as inquedanzas e os medos dos mozos a dicir “non” ante certas situacións, subliñando a importancia de tomar decisións saudables malia a presión grupal. Durante o acto, tamén se proxectou unha mensaxe da raíña Leticia Ortiz sobre a actualidade do consumo de tabaco e vapers.
Ao evento asistiron diversas autoridades, entre elas o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polos directores territoriais de Sanidade, Laura López, e de Educación, Jorge Rubén Sampedro. Tamén estiveron presentes o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e membros da corporación municipal. Tanto o delegado como o alcalde dirixíronse aos estudantes, destacando a importancia de concienciar ás novas xeracións sobre os deseños dos produtos que xeran dependencia.



