Esta edición do proxecto, coordinado pola Real Academia Galega (RAG) e financiado pola Secretaría Xeral da Lingua, percorrerá doce novos concellos galegos. A selección baséase no estado da recollida da súa toponimia, os efectos do despoboamento e o interese das corporacións municipais en participar.
O obxectivo principal é concienciar á poboación sobre o valor cultural inherente aos nomes dos lugares e fomentar a súa recollida e protección a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
“"Alén de poñernos en valor a importancia histórica e cultural da toponimia, con esta iniciativa tamén se potencia a función que exerce este valioso herdo como unha maneira de vincular afectivamente a xente coa terra."
A campaña foi presentada o pasado luns na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. As charlas, que terán unha estrutura común, comezarán cunha explicación sobre a riqueza toponímica de Galicia, ameazada polos cambios de uso do territorio, o abandono dos modos de vida tradicionais e o despoboamento. Posteriormente, explicarase o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, que permite aos veciños incluír microtopónimos.
A primeira parada da campaña en Lugo será en Baleira, cunha conferencia o 26 de xuño no centro sociocultural do Cádavo ás 19.00 horas. Tras o verán, Quiroga acollerá o acto o 28 de agosto na casa da cultura, e Paradela o 4 de setembro no centro sociocultural Manuel Oreste.




