O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da segunda edición de ‘Con-vivio. Territorios Conectados’, que se celebra no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Este encontro transfronteirizo sobre cultura, ruralidade e identidades reúne medio cento de axentes, creadores e colectivos culturais do rural de Galicia e do resto do Noroeste Peninsular co obxectivo de “abrir novas vías de colaboración e dar pulo a proxectos locais”.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou necesarias este tipo de iniciativas para “debater sobre innovación social, as redes de colaboración e a sustentabilidade no medio rural”. Salientou que estas accións se enmarcan na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, buscando facilitar o acceso á programación cultural independentemente das condicións sociais e territoriais.
Anxo M. Lorenzo puxo en valor o proxecto ‘Con-vivio’ por “darlle visibilidade á forte vitalidade cultural dos nosos territorios”, afirmando que “o rural non é un espazo baleiro que compre encher, senón un territorio habitado onde xa se fai cultura de xeito activo”. Destacou o “completo programa no que teñen cabida o debate, o patrimonio e a creación artística”.
O programa combina espazos de reflexión teórica, rutas patrimoniais e propostas escénicas. Inclúe un laboratorio baixo o título 'O Ribeiro como laboratorio: cultura, viño, memoria e comunidade', mesas temáticas como 'A Raia: Máis alá dunha fronteira. Identidades comúns e cooperación' e 'Desde as marxes: Prácticas descentralizadas, redes e sustentabilidade'.
As actividades da tarde inclúen unha ruta cultural participativa polo conxunto histórico de Ribadavia guiada por Claudio Vázquez, a conferencia 'A visión social da cultura' a cargo de Alberto ‘de Boiro’, e actuacións musicais no 'Serán ou non serán' na Praza Maior de Ribadavia.




