A misión contará coa participación de 10 profesionais sanitarios: 2 especialistas en xinecoloxía, 2 en cirurxía xeral, 2 anestesistas, 2 oftalmólogos, 1 pediatra e unha persoa coordinadora. O equipo traballará en colaboración co persoal do Hospital San Carlos de Altamirano para realizar intervencións cirúrxicas, consultas especializadas e actividades de formación.
O proxecto contempla dúas liñas de actuación. Por unha banda, o equipo cirúrxico desenvolverá a súa actividade nas instalacións do hospital, realizando intervencións programadas. Por outra, os profesionais das áreas de pediatría, oftalmoloxía e xinecoloxía desprazaranse ás comunidades zapatistas para atender a poboación con maiores dificultades para acudir ao hospital, evitando así gastos de transporte.
Solidariedade Galega é unha organización sen ánimo de lucro que presta asistencia sanitaria e social a persoas en situación de vulnerabilidade en países empobrecidos, promovendo a formación de profesionais sanitarios e a colaboración co persoal local.
O Concello de Oleiros colabora con Solidariedade Galega desde o 2016, financiando proxectos para garantir o acceso á atención sanitaria de persoas con dificultades. Nesta ocasión, achegará o 100 % do orzamento previsto para facer posible esta nova misión humanitaria.




