O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación deste espectáculo, que se celebra por primeira vez en Galicia. No acto tamén estiveron presentes Belén do Campo, delegada da Xunta na Coruña, Raúl Andrade, presidente da Orquestra Gaos, e Antonio Casal, director de Quireza Events.
O concerto representa a fusión de dous universos musicais, combinando os éxitos de Yandel, un dos artistas máis recoñecidos da música urbana internacional, coa forza sonora dunha gran formación sinfónica. A Coruña será a única cidade galega en albergar esta produción.
Gonzalo Castro destacou o carácter singular da proposta e a participación da Orquestra Gaos, sinalando que "é un evento moi especial e singular, unha simbiose entre tradición e modernidade moi propia da nosa cidade, que sen esquecer de onde vén camiñou continuamente no ámbito cultural cara á modernidade".
O edil subliñou o valor engadido de contar cunha formación nacida na cidade, afirmando que "a presenza da Orquestra Gaos converte este concerto nun motivo de orgullo para A Coruña". Engadiu que a entidade "leva anos formando novas xeracións de músicos, difundindo o patrimonio musical galego e achegando a música sinfónica a novos públicos".
A Orquestra Gaos, fundada na Coruña en 2009 e dirixida por Fernando Briones, consolidouse como un proxecto musical relevante en Galicia, con máis de 80 concertos e a participación de arredor de 450 músicos. A agrupación destaca polo seu modelo aberto, a formación de novos talentos e a difusión da cultura galega.
Este concerto representa unha oportunidade para amosar a versatilidade da formación coruñesa, que achegará unha nova dimensión ao repertorio de Yandel a través dos seus arranxos sinfónicos, buscando unha experiencia musical que combine innovación e vocación de chegar a públicos diversos.
Desde o Goberno local valórase a celebración de eventos que tenden pontes entre estilos musicais e xeracións, proxectando o talento cultural local. A participación da Orquestra Gaos é un elemento diferencial desta cita, prevista para ser un dos grandes acontecementos musicais do verán na cidade.




