A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe as instalacións xuvenís de Espiñeira, en Boiro, para acompañar aos participantes no campamento Candilexas. Esta iniciativa forma parte da campaña ‘Modo Verán Activo’, que na provincia da Coruña dispón de 2.820 prazas distribuídas en 12 espazos.
A oferta total para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos nesta categoría incrementouse este ano con 173 prazas máis, alcanzando as 8.050 en toda Galicia. Segundo Meneses, esta ampliación responde ao "gran éxito e demanda" destas propostas, coas que se busca ofrecer "oportunidades para gozar de experiencias únicas e de calidade".
En Boiro, 120 mozos e mozas están a piques de finalizar a segunda das catro quendas da actividade, que combina artes escénicas como teatro, danza ou maxia, con deportes de aventura como o tiro con arco, o volei ou os papaventos. Tamén se organizan excursións pola contorna, combinando "o contacto coa natureza coa convivencia desde unha perspectiva lúdica, social e educativa", sinalou a directora xeral.
As instalacións de Espiñeira acollerán un total de 498 participantes durante o verán, incluíndo o campamento Talentia, que se celebrará entre agosto e setembro e contará con dinámicas de grupo impartidas por convidados vencellados á interpretación, música, lingua e redes sociais.
Ademais, Lara Meneses tamén asistiu á xornada final do campo de voluntariado ‘Amicos’ no Parque Natural de Corrubedo, no que participaron 15 mozos e mozas. Esta iniciativa, que xa vai pola súa sétima edición, fomenta "o espírito voluntario, a inclusión social e o respecto polo medio ambiente", segundo destacou a responsable de Xuventude.
Os participantes neste campo de voluntariado realizaron accións de sensibilización e conservación ambiental, como a recollida de residuos e a identificación de especies mariñas, ademais de visitas culturais e obradoiros.
Os campos de voluntariado, dirixidos a maiores de 18 anos, ofrecen 815 prazas en total, das cales 120 correspóndense con oito enclaves na provincia da Coruña. A oferta global de verán da Xunta de Galicia, que inclúe campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e outras actividades, acadou a cifra récord de 11.932 prazas.




