O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou hoxe na Coruña a posta en marcha do ciclo 'Primeira Fila', unha iniciativa que busca apoiar a proxección de artistas e bandas emerxentes e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. A proposta, impulsada pola Fábrica de Chocolate coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pretende dar visibilidade a proxectos con identidade propia e abrir oportunidades para o seu desenvolvemento profesional.
O ciclo, que xa percorreu salas de Melide e Santiago de Compostela, retomará a súa programación o 21 de xaneiro de 2027 en Viveiro (Lugo), coas actuacións de 9Louro e Monoulious DOP. Continuará en febreiro con concertos de Eladio y los Seres Queridos, Capital Voskov, Marisa Valle Roso e Taïn, ademais de Santi Araújo o 27 de febreiro en Vilar de Santos (Ourense).
A programación completarase o 5 de marzo coa actuación conxunta de Carla Lourdes e Javier Lago na Sala Riquela, en Santiago de Compostela, e o 14 de maio co concerto de Camellos na Sala Mardi Gras, na Coruña. As entradas xa están á venda a través de Ataquilla.com.
'Primeira Fila' forma parte dunha liña de axudas da Xunta para concertos en salas privadas, dotada con preto de 360.000 euros para o benio 2026-2027. O obxectivo é favorecer a actividade continuada destes espazos, que son fundamentais para a creación de públicos e o crecemento dos proxectos musicais.




