O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, felicitou o equipo polo título acadado en Granollers e recoñeceu o labor do club coruñés para achegar o deporte adaptado a máis persoas. Os xogadores Lorenzo Envo Edjang Nsa, Agustín Alejos Alonso, Juan López Porta, Lorena Bermúdez Doce e José Manuel Barroso formaron parte do combinado que conquistou o primeiro título mundial de España nesta modalidade.
Durante a recepción, Leira trasladoulles os parabéns da institución provincial e destacou a traxectoria dun club que, en apenas tres anos, pasou de ser unha iniciativa persoal dun deportista a contar con cinco integrantes nunha selección campioa do mundo. O deputado recoñeceu tamén o traballo que desenvolve a entidade na Coruña para que máis persoas con discapacidade poidan iniciarse no balonmán en cadeira de rodas.
O ICB Coruña naceu en 2023 por iniciativa de Lorenzo Envo Edjang co obxectivo de promover a igualdade e a inclusión en Galicia a través do deporte adaptado. Xunto coa participación na competición oficial, o club organiza na Coruña campañas para incorporar persoas con discapacidade á práctica deportiva e actividades de sensibilización para dar a coñecer o balonmán en cadeira de rodas.




