O corpo do mamífero mariño, de pouco máis dun metro de lonxitude, foi localizado a uns douscentos metros da Coraza. Un dos bañistas presentes na praia achegouse ao animal e arrastrouno ata a area.
Operarios de Medio Ambiente foron alertados polos socorristas para proceder á retirada dos restos. Segundo as testemuñas, o golfiño presentaba unha marca de mordedura preto da gorxa.
Cada certo tempo descóbrense cadáveres de mamíferos mariños nas praias, ás veces arrastradas por temporais.
Alfredo López, do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), identificou a especie como un golfiño común (Delphinus delphis). Este tipo de varamentos non son infrecuentes na costa galega, sendo o último caso notable o dunha balea atopada en Arteixo o mes pasado.




