A visita respondeu a unha ocasión especial, xa que o CITEEC non adoita organizar visitas escolares para niveis inferiores á educación secundaria. A iniciativa xurdiu como parte do premio concedido a Sara Vázquez Méndez, alumna do CEIP de Currelos, que obtivo unha mención especial no I Concurso Escolar de Cómics «Muller na Enxeñaría», organizado polo centro de investigación. O premio incluía unha visita ás instalacións para a gañadora e ata 25 acompañantes.
Durante o percorrido, os nenos e nenas puideron achegarse á investigación en enxeñaría de forma práctica e interactiva. Chamaron a súa atención un túnel de vento con globos, unha dársena experimental de portos e costas onde observaron o comportamento de barcos de xoguete ante un temporal, un simulador de choiva para coñecer o ciclo urbano da auga, e un laboratorio de construción onde experimentaron coa resistencia de materiais.
Con esta iniciativa, o CITEEC busca espertar a curiosidade científica desde as primeiras etapas educativas, achegar a investigación á sociedade e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas, promovendo tamén o interese das nenas pola ciencia e a enxeñaría.
O I Concurso Escolar de Cómics «Muller na Enxeñaría», convocado polo CITEEC con motivo do Día Internacional da Muller na Enxeñaría, dirixiuse ao alumnado de primaria e secundaria de toda Galicia co obxectivo de dar visibilidade ás contribucións das mulleres neste ámbito e reducir a brecha de xénero nas disciplinas STEM.




