O turismo, lonxe de ser o problema, pode ser parte da solución á masificación se se xestiona axeitadamente. Esta é unha das conclusións principais do profesor e coordinador do Grupo de Investigación en Experiencia Turística da UDC, Jakson Renner, tras anos de estudo sobre o tema. Renner subliña que a taxa turística actúa como un mecanismo para mitigar os efectos negativos do turismo masivo, sen que iso implique unha diminución do número de visitantes.
Ademais, o investigador destaca a boa acollida que teñen estas iniciativas entre os propios turistas. Segundo Renner, "o turista agradece colaborar nas iniciativas que se levan a cabo no destino que escolleu para visitar". Esta colaboración non só mellora a experiencia do visitante, senón que tamén fortalece o vínculo co lugar.
“"o turismo non é o problema, o problema é a masificación"
Dende a perspectiva do investigador da UDC, a taxa turística representa unha "oportunidade para o propio turismo e para a cidadanía dos lugares que o acollen". Renner fai fincapé na importancia que ten para os concellos dispor desta ferramenta financeira, xa que lles permite xerar recursos para xestionar o impacto do turismo e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.
“"Discrepo da Xunta cando demanda que se destine á promoción turística"
Neste sentido, Renner manifesta o seu desacordo coa proposta da Xunta de Galicia de destinar os ingresos da taxa unicamente á promoción turística. Considera que o seu uso debe ser máis amplo, beneficiando directamente a cidadanía e a xestión dos destinos turísticos.




