A concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Montserrat Paz, presentou hoxe o programa desta iniciativa, promovida polo Concello, a Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bomberos (APTB). O obxectivo é concienciar sobre a seguridade en diferentes ámbitos, coa participación activa dos profesionais dos servizos de emerxencia.
"A educación é o primeiro paso para saber como reaccionar ante situacións de emerxencia. Temos que darlle á cidadanía as ferramentas e coñecementos fundamentais a través dun labor divulgativa protagonizada polos nosos profesionais dos servizos de emerxencia, que son os que día a día traballan moi duro para manternos seguros", destacou Montserrat Paz.
As actividades comezarán o próximo 1 de outubro coa visita de escolares do CEIP Fernández Latorre, que asistirán en María Pita a unha charla sobre autoprotección e prevención, e participarán nun taller didáctico cos bombeiros. A xornada inaugural tamén incluirá a visita da alcaldesa, Inés Rey, e a participación do alumnado do ciclo medio en Técnico de Emerxencias Sanitarias do centro Liceo La Paz, ademais dunha exposición de material e talleres variados.
O programa estenderase ata o luns, 5 de outubro, e inclúe visitas escolares de centros como o CEIP de Prácticas e o CEIP San Pedro de Visma o día 2, e o CEIP Eusebio da Guarda o día 5. Durante toda a semana haberá exposición de material de emerxencias e atención de consultas, ademais de talleres abertos a todos os públicos en horario de mañá e tarde.




