O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se convoca un procedemento específico para a cobertura temporal de seis prazas con características específicas de embriologo. Estas prazas estarán integradas nas unidades de reprodución humana asistida da sanidade pública galega.
A distribución territorial destas novas prazas é de dous postos para a unidade de reprodución humana asistida da área sanitaria da Coruña, dous postos para a unidade de Santiago de Compostela e dous postos para a unidade de Vigo. A vinculación do persoal realizarase mediante nomeamentos de interinidade en praza vacante.
O prazo para a presentación das solicitudes e da documentación requirida será de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á data de publicación da convocatoria. Os aspirantes deberán posuír unha licenciatura ou grao en ciencias biomédicas (Medicina, Veterinaria, Farmacia, Bioloxía ou Química), con formación e experiencia demostrable en bioloxía da reprodución.
Ademais, será necesario ter prestado servizos no ámbito das profesións habilitadas polas devanditas titulacións oficiais durante un mínimo de dous anos nunha unidade de reprodución humana asistida. Tamén se esixe acreditar formación específica en reprodución humana asistida cun mínimo de 60 créditos.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude, seguindo o modelo dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Tras o prazo de reclamacións, publicarase a listaxe definitiva de admitidos e excluídos, xunto coa orde de chamamentos para unha entrevista e a composición da Comisión de Avaliación.
A comisión, que incluirá profesionais con destino nas áreas sanitarias con unidades de reprodución asistida, avaliará as funcións do posto, que abarcan análise de seminogramas, captación de ovocitos, fecundación in vitro, inxección intracitoplasmática de espermatozoides, valoración da calidade embrionaria, carga de embrións, e vitrificación/desvitrificación de embrións e ovocitos.
Este reforzo de recursos humanos forma parte do Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028, co obxectivo de converter Galicia na comunidade con maior carteira de servizos de reprodución asistida na sanidade pública.




