A Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), destinará 1.461.459 euros á mellora das instalacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A actuación céntrase na ampliación da unidade de resonancia magnética, que incluirá a incorporación dunha nova sala integrada coa existente.
Segundo o programa funcional previsto, o proxecto contempla a creación de catro despachos de informes, unha sala de resonancia magnética, unha sala técnica, unha zona de recuperación, unha área de control e tres cabinas. Tamén se inclúen aseos tanto para o persoal sanitario como para os pacientes.
A solución proxectada busca optimizar a funcionalidade asistencial, reducir os percorridos interiores e compatibilizar a nova unidade co funcionamento xeral do hospital, ademais de resolver as condicións técnicas específicas dunha sala de resonancia magnética.
As empresas interesadas en participar neste procedemento de licitación teñen de prazo ata o 2 de novembro para presentar as súas ofertas.




