Este proxecto contable, que podería ser o último do actual mandato, chega ao pleno despois de que o concello operase con orzamentos prorrogados durante máis dun ano. O executivo de Sadamaioría defende que as contas están "centradas nas persoas e no fortalecemento do público", cunha énfase particular no "reforzo da atención ás persoas e os colectivos máis vulnerables".
A distribución do gasto inclúe 8,4 millóns de euros para gasto corrente, 2,5 millóns para investimentos e 2,6 millóns para operacións de capital. Entre as obras máis destacadas figuran a reapertura do último tramo do río Maior, cunha asignación inicial de 487.500 euros, e a rehabilitación da capela de San Roque, para a que se destinan 225.000 euros. Tamén se prevé a reforma da Casa do Pobo de Meirás con 65.000 euros, ademais de partidas para o arranxo de camiños (165.000 euros), melloras no saneamento (55.000 euros) e na rede de auga (65.000 euros). As contas tamén contemplan a adquisición de nova maquinaria para a brigada de Obras e Emerxencias.
Un dos puntos fortes do orzamento é o incremento dos fondos para políticas sociais, que suman 3 millóns de euros. Destaca a partida de 1,2 millóns de euros para o servizo de axuda no fogar destinado á dependencia, e 225.000 euros para atención básica. Así mesmo, inclúense 650.000 euros para o contrato da escola infantil e 224.364 euros para as expropiacións necesarias para a ampliación do colexio Sada e Contornos.
“"As contas demostran con cifras o compromiso cun modelo de Sada máis xusto, máis moderno e mellor preparado para o futuro."
A pesar da presentación en comisión informativa, as demais forzas políticas reservaron o seu voto. Sadamaioría, con 7 concelleiros dun total de 21, necesitará o apoio doutros grupos para sacar adiante o orzamento. Aínda que o BNG, con un edil, é o partido máis afín e apoiou a investidura, será preciso o respaldo doutra formación, como o PSOE (un edil), o PP (tres edís), UPSA (catro edís) ou o concelleiro non adscrito. As negociacións mantivéronse nas últimas semanas, pero o resultado final non se coñecerá ata o pleno.




