O departamento de Obras e Servizos e Medio Ambiente do municipio sadense iniciou as tarefas de acondicionamento nos areais, co obxectivo de garantir unhas condicións óptimas para os bañistas e usuarios durante a tempada estival.
“"Co paso do tempo, e debido ao efecto das mareas e do vento, algunhas zonas destes areais foron gañando area en detrimento doutras."
Os movementos de area que se están a realizar buscan a homoxeneización dos espazos, asegurando así unhas condicións de uso máis adecuadas e un contorno limpo e agradable nas dúas praias céntricas de Sada.
Unha vez finalizadas estas intervencións, o Concello acometerá actuacións na praia de O Curruncho. Alí, levaranse a cabo traballos de reparación na escollera e nas escaleiras situadas no extremo da zona verde. Os temporais costeiros do inverno, xunto coa acción das mareas, provocaron a erosión da base sobre a que se asentaba a estrutura, retirando o soporte de area e deixando a zona sen apoio.
A intervención en O Curruncho require actuar nun ámbito especialmente exposto ao mar e cunha dinámica litoral activa, polo que se realizarán os traballos oportunos para garantir a súa estabilidade a longo prazo. Ademais, o departamento de Deportes instalará un ano máis as porterías de O Curruncho, moi utilizadas polos usuarios para a práctica deportiva.




