O proxecto, desenvolvido durante os últimos seis meses, permitiu renovar o céspede dun dos dous campos das instalacións, ademais de realizar traballos de acondicionamento xeral.
As actuacións incluíron a construción de novos peches, a substitución das redes, o repintado de muros e a renovación integral dos sistemas de rega e drenaxe. Tamén se mellorou a accesibilidade coa instalación dun ascensor e o acondicionamento do acceso para persoas con mobilidade reducida.
Ademais, substituíronse os proxectores por iluminación LED e instalouse un novo sistema de rega con aspersores emerxentes. Completouse a intervención coa renovación de elementos do equipamento deportivo como as porterías, os bancos e os bandeiriños.
O campo renovado tiña doce anos de antigüidade e sufrira un importante desgaste polo uso intensivo. Anteriormente, o Concello xa acometera a renovación integral do outro campo do complexo deportivo de Meicende.




