O programa, que se desenvolve nas catro provincias galegas, ten como obxectivo que o alumnado de 3º e 4º da ESO escolla a súa futura profesión baseándose nas súas capacidades e motivacións persoais, sen verse limitado por estereotipos de xénero. A iniciativa busca promover unha sociedade máis xusta e equitativa.
A distribución dos centros seleccionados é a seguinte: 38 na provincia da Coruña, 35 na de Pontevedra, 15 na de Lugo e 12 na de Ourense. Estes centros educativos, sostidos con fondos públicos, acollerán charlas didácticas e debates.
O persoal das asociacións, fundacións e clústeres participantes, procedentes de sectores con escasa representatividade feminina como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o metal ou as TIC, abordarán as condicións laborais e porán en valor mulleres referentes de éxito nestes ámbitos.
Ademais, a iniciativa inclúe contidos sobre a presenza de homes en profesións tradicionalmente feminizadas, co fin de rachar cos prexuízos de xénero en todas as áreas profesionais.




