O estudo realízase en todas as áreas sanitarias de Galicia, incluíndo hospitais das sete cidades e sete hospitais comarcais. As áreas sanitarias da Coruña e Cee rexistraron 1.023 participantes no Hospital Universitario da Coruña e 152 no Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira de Cee. En Santiago de Compostela e Barbanza, sumáronse 583 no Hospital Clínico Universitario de Santiago e 193 no Hospital Comarcal de Barbanza. A área de Ferrol achegou 536 participantes no Hospital Arquitecto Marcide. En Lugo, A Mariña e Monforte, houbo 469 no Hospital Lucus Augusti (HULA), 138 no Hospital Comarcal da Mariña e 84 no Hospital Comarcal de Monforte. Na área de Ourense, Verín e O Barco, participaron 429 persoas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), 74 no Hospital Comarcal de Verín e 75 no Hospital Comarcal de Valdeorras. A área de Vigo sumou 532 participantes no Hospital Público Álvaro Cunqueiro. Finalmente, en Pontevedra e O Salnés, participaron 442 persoas no Hospital Provincial e 186 no Hospital Comarcal do Salnés.
Nas últimas semanas, enviáronse mensaxes SMS informativas a unha poboación seleccionada duns 730.000 maiores de 65 anos. O ensaio desenvólvese no marco da campaña ordinaria de vacinación, e a propia citación para acudir ao centro de saúde inclúe información sobre a posibilidade de desprazarse ao hospital para participar no estudo.
O obxectivo principal é comprobar se unha vacina combinada fronte á gripe e á covid reduce o risco de hospitalización, complicacións e morte, en comparación coa administración simultánea dunha vacina antigripal de alta dose e outra fronte á covid en inxeccións separadas. A vacina combinada xa foi testada e autorizada, polo que o estudo busca determinar a estratexia de protección máis axeitada para a poboación maior.
As persoas interesadas en participar poden reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono 900 842 217, operativo de 10:00 a 20:00 horas. Haberá ocos dispoñibles durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid comezou o pasado 28 de setembro nas residencias de maiores e centros sociosanitarios. O martes 13 de outubro iniciouse a vacinación de profesionais sanitarios e infantil en centros de saúde e colexios piloto. O luns, 19 de outubro, estendeuse ás persoas de 70 ou máis anos. A programación continuará o 2 de novembro coa vacinación de embarazadas e, a partir do día 9, coas persoas de 60 ou máis anos.




