A tensión entre o Deportivo e a grada de Marathon Inferior continúa. A Federación de Peñas fixo público un comunicado anunciando que manterán a súa folga de animación e vestirán de laranxa este domingo, ante a falta de resposta da directiva do club. "Unha semana despois de tender a man para unha reunión, seguimos sen resposta. O silencio da directiva mostra que non teñen intención ningunha por solucionar esta situación", sinala a Federación a través da súa conta de X.
Durante a rolda de prensa celebrada en Abegondo, José Manuel García, Director de Medios, expresou a preocupación do club pola situación social e a importancia da afección como "pilar fundamental" do proxecto. "Todos os piares só poden funcionar se encaixan todos. Sen un, é máis complicado", afirmou, lamentando que un xogador novo como Teo, de Vilalba, non poida gozar do seu debut en Primeira como debería.
García tamén subliñou as obrigacións do club: garantir o cumprimento normativo, loitar contra a violencia e o racismo, e protexer tanto a institución de posibles sancións como á propia afección. "Este era o único obxectivo que tomamos dende o club e que aplican a Marathon Inferior", asegurou.
O Director de Medios recoñeceu que a comunicación puido non ser a axeitada: "Facemos autocrítica, ou non se comentaron todo o ben que debería porque non se entenderon". Como paso adiante, o club anunciou a creación dunha mesa de diálogo na que participarán representantes de Marathon Inferior, das peñas e do propio club, co obxectivo de buscar solucións "sempre cumprindo os obxectivos de garantir o cumprimento normativa e garantir que protexemos á institución e aos nosos afeccionados".
Pola súa banda, Santiago Liste, responsable do Departamento Xurídico, quixo deixar claro que "non queremos criminalizar a ninguén", pero admitiu que o club se atopa "no top de Segunda división" en canto a sancións. "Temos pendente de resolución un peche parcial da grada", concluíu.




