A campaña de mellora da seguridade viaria e da rede de sinalización do Concello da Coruña continuará a próxima semana con traballos nocturnos en zonas como As Atochas (co remate da rúa Mestranza), Orzán e Os Mallos. Esta última actuación, dividida en dúas fases, está a piques de rematar tras renovar máis dunha ducia de puntos no barrio. No que vai de ano, os servizos municipais xa completaron o pintado de 318 pasos peonís en barrios como Xuxán, Monte Alto, Pelamios ou Zalaeta.
Unha vez finalizada a segunda fase dos Mallos, iniciarase a campaña na Sagrada Familia. A programación prevé intervencións de mellora no pintado e sinalización en case unha vintena de barrios, abarcando a maior parte do termo municipal. Estas actuacións súmanse ás da campaña de pintado da sinalización de calzada.
As melloras na sinalización son unha prioridade pola súa importancia para manter a seguridade nas zonas de tránsito rodado. En 2026, implantouse nova sinalización en varios puntos, como a contorna do novo mercado de Monte Alto, o cruzamento de Juan Díaz Porlier ou o aparcadoiro da Torre de Hércules e Oceanográfico. Tamén se ordenaron zonas de estacionamento, como os novos aparcadoiros na rúa Maestro Anta e a avenida do Exército.




