O Concello da Coruña, a través do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez Martínez, recibiu esta mañá no Palacio Municipal de María Pita unha representación do Druidas Béisbol Club. O acto foi un recoñecemento á traxectoria da entidade e aos resultados deportivos acadados ao longo desta temporada.
O club coruñés, fundado en 1991 e que este ano celebra o seu 35.º aniversario, participou recentemente na fase final nacional da División de Honra Prata de béisbol, celebrada a principios de mes en Gandía. Alí, o Druidas competiu contra equipos de alto nivel e logrou unha vitoria fronte ao Sevilla Red Sox por 11-4.
Na recepción, que tivo lugar no Salón de Plenos, estiveron presentes o presidente do club, Ricardo José Moscoso Pablo; o xogador Francisco Osma; e outros integrantes do equipo e do corpo técnico.
Durante o encontro, o Concello destacou o traballo desenvolvido pola entidade ao longo de máis de tres décadas e a súa contribución á promoción do béisbol na cidade. Como mostra de recoñecemento institucional, Manuel Vázquez entregou ao presidente do club unha reprodución en cristal da Torre de Hércules.




