A intervención busca reordenar o espazo urbano, priorizando o peón e adaptando a contorna aos criterios de accesibilidade e seguridade viaria. Renovarase o pavimento e o mobiliario urbano, engadiranse elementos axardinados e manteranse as árbores existentes, ademais de plantar outras tres especies. A nova ordenación garantirá un ancho de beirarrúa de, como mínimo, 1,80 metros.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que se segue o esquema xa aplicado noutros proxectos do barrio, como o da praza José María Hernansáez, escoitando as demandas da veciñanza.
As actuacións afectan a un tramo duns 200 metros, desde a avenida de Monelos ata o cruzamento coa rúa Rafael Bárez Vázquez. A nova urbanización busca dotar o conxunto de homoxeneidade.
O proxecto tamén inclúe a renovación da rede de saneamento e drenaxe, o soterramento dun cruzamento da rede de enerxía eléctrica e a canalización soterrada da iluminación pública. Completaranse as actuacións coa renovación da sinalización horizontal e vertical e a instalación doutros elementos viarios.




