A Facultade de Química da Universidade de Vigo converterase o vindeiro venres 27 no primeiro centro da institución en estrear o voto electrónico. A implantación deste sistema responde a unha das promesas electorais da reitora, Carmen García Mateo. Será con motivo das eleccións ao decanato, un proceso ao que concorre unha única candidatura, encabezada pola catedrática da área de Enxeñaría Química Begoña González de Prado, que substituirá a Ángeles Peña.
Con 64 persoas chamadas ás urnas -49 docentes, 9 estudantes e 6 PTXAS-, a cita electoral desenvolverase integramente de xeito electrónico e para poder participar é necesario contar con certificado electrónico. A secretaria xeral da Universidade, Emma Rodríguez, explica que se puxo en marcha unha comisión electoral técnica para facer posible a implantación do voto electrónico, contando co soporte normativo do Regulamento Electoral da institución.
A candidatura de Begoña González de Prado ao decanato está integrada por un equipo de catro mulleres, con representación dos catro departamentos do centro. O equipo reúne distintas áreas de coñecemento e traxectorias académicas coa vontade común de traballar polo futuro da facultade. González destaca o potencial deste centro e presenta o seu proxecto “con ilusión e ganas de traballar, escoitar e sumar”, coa intención de dar continuidade ao labor realizado ata agora.
Con esta cita electoral Ángeles Peña porá fin a unha etapa de sete anos como decana. "Teño que agradecer que a facultade se animase a seguirme sempre que a propoño como plan piloto de moitas cousas: dende a xestión dos Traballo Fin de Grao na plataforma Sigma ata agora co voto electrónico nas nosas eleccións a decano/a", explica, "orgullosa" do seu centro.
Na veciña Facultade de Bioloxía, non se rexistraron candidaturas nin na convocatoria deste xoves nin na anterior. Coa profesora Mercedes Gallardo como decana en funcións, a situación trasládase agora ao equipo de goberno, que actuará segundo o establecido no Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Vigo.




