A asociación cultural Melandrainas enche de teatro o Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo este mes de setembro cunha carteleira de tres montaxes. Todas as funcións darán comezo ás 20.00 horas e a entrada será gratuíta ata completar aforo.
A programación arranca o venres 18 de setembro coa obra familiar Entre bambalinas. A peza narra os momentos previos ao inicio dunha función, durante o último ensaio dunha compañía teatral. Un contratempo inesperado desencadea unha divertida farsa que revela segredos do mundo escénico.
O sábado 19 de setembro chega Encerrados, tamén dirixida a todos os públicos. A trama segue a un grupo de persoas descoñecidas que espertan atrapadas nas ruínas dun antigo teatro. A paranoia e as sospeitas sobre a orixe dun virus que xustifica o seu illamento medran, mentres se preguntan se poderán atopar unha saída ao seu encerro.
A última proposta será o sábado 26 de setembro con Asemblea de mulleres, unha comedia clásica recomendada para maiores de 12 anos. Inspirada na Atenas clásica, a obra relata como as mulleres, disfrazadas de homes, logran o poder na asemblea para salvar a república. A súa xestión dun réxime de propiedade común enfróntase a divertidas dificultades.




