A localidade coruñesa de Bergondo foi o escenario das VII Xornadas de Familias organizadas pola Asociación Española de GRINpatías, celebradas o pasado sábado, 23 de maio, no Pazo de Mariñán. Este evento consolídase como un espazo clave para o acompañamento, a información e o apoio mutuo entre as familias que enfrontan as GRINpatías, un conxunto de enfermidades xenéticas raras do neurodesenvolvemento causadas por mutacións nos xenes GRIN.
O encontro atraeu a decenas de participantes e profesionais de toda España. Na cerimonia de apertura, que contou coa presenza da deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, a asociación fixo entrega dunha placa conmemorativa á Deputación en recoñecemento ao seu apoio. O presidente da organización, Francisco Javier González, subliñou a relevancia anual destas xornadas, cualificándoas como "un punto de encontro esencial para as nosas familias e un espazo onde se reforza a comunidade e o acompañamento mutuo".
O programa das xornadas, que se estendeu durante a fin de semana, incluíu talleres e actividades deseñadas para proporcionar información e ferramentas ás familias afectadas. Tras a inauguración oficial, os asistentes participaron na tradicional foto de familia no exterior do emblemático Pazo de Mariñán.




