O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e a directora do British Council España, Sylvia Edvinsson, presentaron a colaboración conxunta no Instituto Fernando Wirtz Suárez. Esta proposta, que arrancou este curso como experiencia piloto, permite ao alumnado obter unha cualificación recoñecida en numerosos países sen necesidade de realizar un proceso de homologación posterior.
A alta demanda deste ciclo de grao superior evidencia o interese do alumnado por unha formación tecnolóxica de alta especialización: recibíronse 117 solicitudes para as 20 prazas ofertadas. O titular de Educación subliñou a aposta da Xunta por unha FP conectada coas necesidades do tecido produtivo e coas oportunidades laborais nun mercado global.
“"Esta primeira dobre titulación internacional é un exemplo de como a colaboración con institucións de referencia permite ampliar horizontes e mellorar as perspectivas profesionais da nosa mocidade."
A directora do British Council España, Sylvia Edvinsson, destacou que esta iniciativa abre novas oportunidades para que o alumnado continúe os seus estudos e desenvolva a súa carreira profesional tanto en España e no Reino Unido coma noutros países. Ademais, cursar un curso máis no Reino Unido pode equivaler a obter un grao universitario británico.
A posta en marcha desta dobre titulación é posible grazas ao novo Decreto de FP, que permite avanzar na internacionalización da Formación Profesional galega mediante o establecemento de currículos de carácter internacional ou de dobres titulacións. Esta medida favorece a mobilidade académica e profesional, incrementando as oportunidades de inserción laboral.




