A Universidade da Coruña celebrou esta mañá unha reunión do seu Consello de Goberno na que se deron luz verde a un total de 12 regulamentos internos. Estes novos textos, que precisaban de adaptación á lexislación e normativa vixente, rexerán a partir de agora o propio órgano de Goberno, así como o de sete centros e catro departamentos da institución académica.
Durante o encontro, aprobouse tamén a normativa DANUDC, que regula a condición de persoa deportista de alto nivel da UDC e as súas categorías, ademais das medidas de promoción e apoio ao deporte universitario. Destacan o abono deporte durante o curso académico, bolsas e axudas específicas, exención de taxas de matrícula, e a reserva de prazas nas residencias universitarias e en axudas de transporte e comedor.
Outro punto relevante foi a aprobación de normativas sobre a participación e xestión de proxectos internacionais, e a de nomeamento de profesorado emérito e honorario. A UDC busca aumentar a súa presenza en proxectos europeos e internacionais, como Erasmus+, para o que se establecen novos mecanismos de xestión e coordinación.
En canto á normativa de profesorado honorario, establécese que os candidatos deben estar en servizo activo, ter prestado servizos na universidade pública durante un mínimo de 20 anos (10 na UDC), e cumprir requisitos de investigación e docencia. Para o profesorado emérito, requírense 30 anos de servizo (15 na UDC), ademais de méritos en investigación, docencia, patentes ou creación de empresas spin-off.
Nesta reunión, aprobáronse os nomeamentos de David Clark Mitchell, da Facultade de Filoloxía, e de Juan Arturo Santaballa, da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, como profesores eméritos.
No eido económico, presentouse a liquidación das contas de 2024, un trámite previo á súa elevación ao Consello Social. A liquidación, adiada polo cambio de sistema informático, desenvolveuse nun contexto complexo de desequilibrio financeiro e prórroga orzamentaria. A pesar diso, o plan de axuste permitiu un aforro duns 2 millóns de euros, reducindo o Remanente de Tesouraría non Afectado negativo a 4,2 millóns.
O Remanente Total de Tesouraría mantense en positivo, pechando en 12,3 millóns en 2024, o que preserva a solvencia da UDC. Non obstante, o incremento dos ingresos do Plan de Financiamento non compensa a actualización salarial e o crecemento vexetativo, evidenciando a necesidade de reforzar o financiamento estrutural da Universidade.




