A iniciativa, impulsada pola área Internacional do centro de investigación da UDC, busca fortalecer a colaboración científica e o intercambio de talento co prestixioso centro estadounidense. A estadía permitirá á investigadora afondar en novas solucións para a robótica autónoma.
Anabel Díaz Labrador, que desenvolve a súa tese de doutoramento no CITIC baixo a dirección de José Luis Calvo Rolle, tamén é investigadora na División de Robótica do centro tecnolóxico ITG. A súa investigación céntrase en dotar os robots de maior capacidade para comprender o contorno, interactuar coas persoas e desprazarse de forma máis autónoma e segura.
O seu traballo aborda a coordinación de frotas de robots cuadrúpedes, a visión artificial, a comprensión de instrucións mediante intelixencia artificial e o desenvolvemento de técnicas de xeración de mapas intelixentes. Os coñecementos adquiridos contribuiran a reforzar a investigación no CITIC e facilitarán a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial a través de ITG.
Esta acción enmárcase na estratexia de internacionalización do CITIC, orientada a fortalecer a participación do seu persoal investigador en redes internacionais de excelencia e promover colaboracións con institucións científicas de referencia, consolidando os vínculos entre a UDC, ITG e o MIT.




