A actuación, desenvolvida este mes de xullo, permitiu a liberación de seis novos exemplares desta especie vulnerable. Esta iniciativa enmárcase no plan autonómico que, desde o ano 2017, conta cun programa de cría ex situ nos centros de recuperación de fauna de Oleiros e Cotobade, logrando a posta en liberdade de case 200 aves ata a data.
Segundo os datos máis recentes, a poboación galega desta ave presenta unha evolución positiva e sostida. O último censo, realizado pola Universidade de Santiago de Compostela en 2026, contabiliza 93 parellas reprodutoras distribuídas en 23 praias do litoral galego. Galicia sitúase así, xunto coas Illas Baleares, como un dos poucos territorios do Estado con tendencia crecente segundo o Libro Vermello das Aves de España.
O traballo de conservación inclúe a vixilancia das zonas de cría e a protección dos niños mediante perímetros e estruturas especiais para evitar a depredación. Nesta campaña, monitorizáronse 100 niños, dos cales o 85% contan con medidas de protección activa. Ademais, o proxecto europeo IBERALEX, cun investimento de 1,9 millóns de euros, busca reforzar a convivencia entre o uso recreativo dos areais e a preservación da biodiversidade.




