Un total de doce persoas e un can resultaron feridos onte á madrugada a causa dun incendio orixinado por un patinete eléctrico nun primeiro piso do número 15 da rúa Nicomedes Pastor Díaz, na Coruña. Un dos feridos atópase en estado grave. Todos os afectados foron trasladados de urxencia ao Hospital Universitario da Coruña (Chuac).
O suceso mobilizou un amplo dispositivo no que participaron efectivos de Bombeiros, Policía Local, Policía Nacional, Cruz Vermella e 061. A alcaldesa, Inés Rey, xunto coa concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, e a concelleira de Servizos Sociais, Nereida Canosa, desprazáronse ao lugar dos feitos.
“"A situación aquí está controlada, pero loxicamente estamos moi preocupados polos veciños que se levaron ao Chuac."
Segundo fontes da investigación, o incendio foi causado pola explosión dun patinete eléctrico situado nunha das habitacións do inmoble, que se describe como un "piso patera" dividido en varias estancias con diferentes inquilinos. As chamas, que se orixinaron pasada a unha e media da madrugada, estendéronse rapidamente e o fume afectou a varios pisos do bloque.
A maioría dos residentes do bloque afectado e dalgúns contiguos tiveron que ser desaloxados. Algúns veciños optaron por permanecer nas súas casas, co permiso dos bombeiros, como no caso dun home con limitacións de mobilidade que usa osíxeno. O operativo, coordinado por Carlos García Touriñán, director de Seguridade do Concello, tamén valorou o realoxo dos afectados no Fórum Metropolitano, aínda que finalmente non foi necesario.
Os bombeiros deron por extinguido o lume e os veciños puideron regresar ás súas vivendas, agás os residentes dos pisos do terceiro para abaixo do bloque dereito, onde o olor a fume aínda era moi intenso.




