A celebración desta asemblea na cidade herculina reforzou o papel da UDC e da Coruña como espazos de encontro e colaboración científica internacional no ámbito da saúde e a investigación ambiental. O consorcio ZOE reuniu a un equipo multidisciplinar integrado por expertos en viroloxía, ecoloxía, inmunoloxía, xeografía, psicoloxía, socioloxía e divulgación científica procedentes de sete países europeos e catro do continente americano.
Durante o encontro, compartíronse as investigacións máis recentes, que abranguen desde a recollida e a análise microbiolóxica de mostras vexetais e animais no campo ata o desenvolvemento de modelos informáticos para predicir o risco de contaxio en distintos contornos. Todo este traballo fundaméntase nun esforzo de síntese comparativa levado a cabo en cinco áreas de estudo distribuídas entre Europa (Eslovaquia e Eslovenia) e América Latina (Costa Rica, Guatemala e México).
O CITIC da UDC participou na organización das actividades da xornada central do encontro, celebrada o 2 de outubro, cuxo programa combinou a presentación de avances científicos dos distintos grupos de traballo do proxecto con sesións de debate sobre os desafíos da investigación e as próximas fases de desenvolvemento.
A xornada comezou cunha benvida institucional na que participaron Adina Dumitru, investigadora e profesora da UDC, e os coordinadores do proxecto, Felix Drexler e Nadja Kabisch. Ao longo do día, os equipos internacionais abordaron cuestións relacionadas coa avaliación de ecosistemas, a biodiversidade, a análise microbiolóxica de patóxenos, os factores sociais e culturais e o desenvolvemento de modelos de alerta temperá.
Así mesmo, o programa incluíu un espazo dedicado a breves presentacións de traballos de investigación predoutoral e posdoutoral. Esta sesión permitiu incorporar ao encontro achegas de investigadores e investigadoras en distintas etapas da súa carreira científica.
O equipo investigador da Universidade da Coruña, dirixido por Adina Dumitru, lidera o estudo dos factores sociais e culturais dentro do proxecto. Durante o encontro presentou resultados sobre como os modos de vida e as condicións socioeconómicas condicionan o contacto con vectores como garrapatas, mosquitos ou chinches.
Os resultados mostran diferenzas relevantes entre as rexións estudadas. En América Latina, o risco está máis vinculado a situacións de vulnerabilidade material, ás condicións das vivendas e a actividades agrícolas e de subsistencia en contacto directo coa contorna natural. En Europa Central, en cambio, a exposición relaciónase principalmente con actividades de ocio e ao aire libre en zonas boscosas.
As investigacións sinalan ademais que o risco de zoonose aumenta en contextos de vulnerabilidade estrutural, como a precariedade das vivendas, as deficiencias no acceso á auga e ao saneamento, a limitada dispoñibilidade de servizos sanitarios ou a dependencia de actividades de subsistencia vinculadas ao medio natural.
Os comportamentos humanos desempeñan igualmente un papel clave nas vías de exposición. Actividades como a caza, a agricultura, o sendeirismo ou o contacto con animais poden incrementar o risco, mentres que as prácticas preventivas, o uso de equipos de protección adecuados e un maior coñecemento das enfermidades e das súas vías de transmisión contribúen a reducilo.
O equipo da UDC subliñou tamén a necesidade de superar as barreiras entre os ámbitos da saúde, a veterinaria e o medio ambiente e avanzar cara a estratexias de prevención integradas baseadas no enfoque Unha Sola Saúde (One Health).
O proxecto europeo ZOE aborda o estudo da aparición de zoonoses en ecosistemas forestais degradados e restaurados desde unha perspectiva multidisciplinar. A súa investigación combina a análise ambiental e microbiolóxica co estudo dos factores sociais e culturais que condicionan a exposición humana a posibles patóxenos.
A través da colaboración entre institucións de Europa e América Latina, o proxecto busca xerar coñecementos que contribúan a mellorar a prevención de enfermidades zoonóticas e a reforzar a capacidade de anticipación ante futuras ameazas sanitarias.




